INICIO

O Concello de Aranga

SITUACIÓN XEOGRÁFICA

O concello de Aranga sitúase na parte centro setentrional de Galicia. Limita ao norte cos concellos de Monfero e Irixoa, ao oeste cos de Coirós e Oza dos Ríos, ao sur co de Curtis e ao leste, co de Guitiriz, xa da provincia de Lugo.

Segundo consta no Libro de Actas da Deputación Provincial da Coruña, o 6 de xuño de 1836 constitúese o primeiro Concello de Aranga, ao tempo que se establecen os seus lindes. Pertencente ao Partido Xudicial de Betanzos, inicialmente contemplábase a creación dun concello con capital en Muniferral, composto por doce parroquias.

Na referida sesión de 1836, cítase, por primeira vez, o Concello de Aranga, con capital en Ponte-Aranga, e composto por seis parroquias: San Paio de Aranga, San Pedro de Cambás, San Pedro de Feás, San Cristovo de Muniferral, San Vicente de Fervenzas e Santa María de Rodeiro. En 1839, esta última parroquia intégrase no concello de Oza dos Ríos e créase a parroquia de San Lourenzo de Vilarraso, separándoa da parroquia de Muniferral; situación que se mantén até os nosos días.

Case un século antes, nos meses de xullo e agosto de 1752, levouse a cabo o Catastro do Marqués de Enseada. Nesta obra recóllense, de forma minuciosa, unha serie de datos socioeconómicos e xeográficos necesarios para confeccionar o que se chamaría Proxecto de Única Contribución, para todos os territorios que conformaban o Reino de España.

Naqueles tempos, o territorio do actual termo municipal de Aranga estaba incluído na provincia de Betanzos, unha das sete que conformaban o Antigo Reino de Galicia. Cada provincia estaba dividida en xurisdicións, que podían ser de reguengo, no caso de que o dominio da xurisdición o exercese a Coroa, ou de señorío, no que o dominio sobre a xurisdición o exercían señores laicos ou eclesiásticos. Existía unha terceira forma de exercer o dominio sobre unha determinada xurisdición; xurisdicións de dominio mixto, nas que o dominio era exercido, en parte pola Coroa, en parte polos señores.

As xurisdicións que estaban situadas dentro do actual territorio de Aranga eran:

Xurisdición de Fervenzas: pertencía ao señorío de D. José Ramón Quiroga. Estaba integrada pola parroquia de San Vicenzo de Fervenzas e pola de Santa María de Rodeiro, pertencente ao actual termo municipal de Oza dos Ríos.

Xurisdición de Muniferral: sobre esta xurisdición exercían o dominio o Cabido da Catedral de Santiago de Compostela e o señor D. Lucas Pereira. Nesta xurisdición integrábanse as actuais parroquias de San Pedro de Feás e San Cristovo de Muniferral. Nesta última parroquia incluíase o territorio da actual parroquia de San Lourenzo de Vilarraso.

Xurisdición de Sobrado: o dominio era exercido polo mosteiro de Santa María A Real de Sobrado. Este señorío estaba conformado por un total de doce parroquias, pertencentes aos actuais municipios de Sobrado dos Monxes, Mesía, Curtis e Aranga. Deste último concello integrábanse na xurisdición de Sobrado, as parroquias de San Paio de Aranga e San Pedro de Cambás.

Na actualidade, o territorio do termo municipal de Aranga ocupa unha extensión de 119,60 quilómetros cadrados e está dividido en seis parroquias: San Paio de Aranga, San Pedro de Cambás, San Cristovo de Muniferral, San Vicente de Fervenzas, San Lourenzo de Vilarraso e San Pedro de Feás. Pertence ao partido xudicial de Betanzos e á diócese de Santiago de Compostela.

Información adicional