INICIO

O Concello de Aranga - Os topónimos

A orixe do topónimo "Aranga" deriva, segundo todos os estudos, da forma preindoeuropea "ara-". Esta partícula define un relevo caracterizado por un val encaixado polo que discorre un curso fluvial. Sen dúbida, refírese ao val que forma o río Mandeo ao seu paso pola parroquia de San Paio de Aranga.

O nome de "Cambás" provén da raíz céltica "camb-" que significa "forma curva". O exemplo máis clarificador atopámolo na vila de Cambados (Pontevedra asentada nunha enseada da ría de Arousa). No caso de Cambás esa forma curva á que alude o topónimo, atópase na topografía do pechado val no que asenta a citada parroquia.

O topónimo de "Fervenzas" alude ao rápido movemento da auga provocado polos saltos ou polas correntes, que simulan o efecto de ferver. Nesta parroquia, situada no extremo sueste do concello, localízase un dos lugares nos que a auga cobra un especial protagonismo, que se reflexa no río Vexo e no fermoso val no que se enmarca.

Ao sur do termo municipal de Aranga localízase a parroquia de "Vilarraso". Unha vez máis o topónimo é un reflexo claro da topografía da zona. O núcleo de casas ou vila, situada nun lugar plano ou raso. Topónimos de similares características son Vilarchán ou Vilachán.

Un vocábulo moi repetido nos nomes de lugar do concello de Aranga é o que fai referencia á existencia do ferro (do vocábulo latino ferrum). Neste sentido explícanse os nomes de "Muniferral", parroquia situada no centro do termo municipal. Como vimos con anterioridade, o nome utilizado para a localización dalgúns lugares responde non só á topografía do terreo, senón tamén a algunha característica que denota, por exemplo, a abundancia ou presenza de algo que pague a pena ser subliñado.

Exemplos disto último atopámolos no topónimo da parroquia de San Cristovo de Muniferral, na que se alude non só a existencia dun monte, senón que a descrición se completa realzando a existencia de vetas de ferro.

Moi similar é o nome de Pena Ferreira, na parroquia de Cambás. O nome de pena alude a unha formación rocosa, que resalta na paisaxe e que podemos considerar como un punto máis localizado, xa que se trata dunha unidade de relevo menos extensa do que pode ser un monte.

Na parroquia de Vilarraso, atopamos o lugar de Os Ferreiros. Deste nome enténdese a existencia de artesáns que traballaban o mineral de ferro. Este topónimo é común en lugares localizados nas marxes de importantes vías de comunicación, como é o caso, para repoñer as ferraduras dos cabalos e mesmo algunhas partes dos carros que se desprazaban polo camiño. Preto deste lugar localízase o antigo camiño da Coruña a Lugo, e que na actualidade ocupa a estrada N-VI. Outra importante vía de comunicación que atravesa o lugar dos Ferreiros é o antigo camiño que dende A Castellana se dirixía a Sobrado dos Monxes.

Información adicional