INICIO

O Concello de Aranga - Pontearanga

É a capital do municipio, e onde se sitúa a casa do concello.

Aquí sitúase a famosa ponte que lle dá nome ao lugar. A actual construción da ponte data do século XVII, aínda que é segura a existencia dunha ponte anterior a esta, probablemente de madeira.

Augas arriba da actual ponte, no lugar de Congostro, existe a referencia á ponte vella, no que algúns investigadores sitúan un antigo paso do Mandeo, anterior ao actual.

A fábrica da Ponte de Aranga é de cantería de granito, con tres vans desiguais, e con alturas comprendidas entre os 5 e os 6,15 metros. Cinco tallamares protéxeno das continuas correntes. Nos anos corenta constrúese a estrada e amplíase a ponte, desaparecen os petrís de cantería, que son substituídos polos actuais, e nivélase a inclinación da súa fábrica mediante recheo. Esta nivelación deformou o aspecto que en orixe tería a ponte. Unha aproximación á súa morfoloxía orixinal atopámola no escudo do concello, no que se pode observar o desnivel da obra no momento da súa construción.

Como se pode adivinar, Ponte-Aranga constitúe un dos eixes fundamentais nas comunicacións do municipio con outros lugares. Identificáronse 7 camiños reais, que compoñían unha intricada rede, que comunicaba esta zona con lugares como Irixoa, Curtis, Sobrado dos Monxes, Betanzos, As Pontes de García Rodríguez ou Vilalba.

O primeiro enlazaba Ponte Aranga-Cambás-Xestoso e As Pontes de García Rodríguez. O segundo era denominado Ponte Aranga-Pereira-Irixoa. Un terceiro camiño era o coñecido como Camiño de Veiga que, dende Ponte-Aranga, se dirixía a Betanzos, a través de Veiga e Irixoa; aínda hoxe se poden visitar os restos da antiga ponte que cruzaba o Mandeo por Veiga. Contaba cunhas impresionantes bases de cantería de granito que salvaban a canle nun punto no que a anchura do río require unha importante obra de enxeñería. Estivo en funcionamento ata a primeira metade do século XX, no que o Camiño Real ao que lle daba servizo quedou en desuso.

Este ramal formaba parte do camiño Real de Vilalba a Betanzos que, arrancando na capital da Terra Chá, abandonaba a provincia de Lugo e entraba na antiga provincia de Betanzos, a través da Serra da Loba.

Un cuarto camiño comunicaba Ponte-Aranga con Betanzos, a través de Muniferral. Na actualidade a estrada de Ponte-Aranga a Parada segue o trazado deste Camiño Real, case na súa totalidade.

O quinto Camiño Real comunicaba Ponte-Aranga con Sobrado dos Monxes, a través da Castellana e Vilarraso. Este era un dos máis utilizados polas implicacións señoriais do mosteiro de Sobrado coa freguesía de San Paio de Aranga.

O camiño que unía Aranga con Guitiriz arrancaba de Ponte-Aranga e seguía polos lugares de Congostro, O Barreiro, A Fraga, A Cima de Aranga, O Carballal e Os Vilares.

O último dos camiños principais é o que comunicaba Ponte-Aranga con Friol, a través do Pousadoiro. Ademais da ponte, no lugar de Ponte-Aranga localízanse dous dos referentes relixiosos e culturais máis importantes do territorio: a Igrexa de San Paio de Aranga e a coñecida como A Fonte de Santa Cruz.

MONUMENTOS

Información adicional