INICIO

O Concello de Aranga - Un pouco de historia

Nun promontorio que serve de límite entre as parroquias de Santa María de Ois (Coirós) e San Pedro de Feás (Aranga), localízase un deses lugares nos que o simbolismo cristián tratou de se impór ao pasado pagán. Trátase do lugar de Flores.

Este lugar saltou á bibliografía arqueolóxica grazas ao achado casual, en 1915, dunha peza de singular delicadeza e relevancia, o torques de Santa María de Ois, colar ríxido de ouro en forma de C e datado entre os séculos III e I a. C. A peza ten un ancho total de 15,5 cm e un peso neto de 331,5 gramos. Está composto por unha vara de sección circular ensanchada no centro e remates en forma de pera, ocos. Como única decoración, limitando o tercio central da vara lisa, dispón de dúas espirais de filigrana con botón central. Formalmente a peza responde ás características do tipo ártabro, tan amplamente representado en todo o norte das provincias da Coruña e Lugo, con paralelismos claros en Vimianzo ou en Viladonga. Non obstante, a súa decoración é atípica xa que, aínda que posúe as espirais dobres de fío de ouro, carece de arames enrolados nos extremos da vara, polo que este torques supón unha variante decorativa dentro do mencionado como grupo ártabro.

Na cultura castrexa, o torques indicaba unha xerarquía, un posicionamento de relevancia dentro da sociedade. Estes adornos aparecen amplamente representados nas culturas de guerreiros galaicos e lusitanos.

O torques foi adquirido en 1922 polo Museo Arqueolóxico Nacional. Segundo se di, a persoa que o atopou vendeuno en Betanzos por 14.000 reás. Esta peza, aínda que excepcional, non é máis que outra evidencia do asentamento castrexo que houbo no lugar. Na actualidade, a penas se poden apreciar os restos do castro, aínda que si se conservan lendas sobre o lugar. Estas lendas falan de covas, mouros, ouro e castros.

A capela de San Roque

No lugar en onde, na antigüidade, se situaba a croa ou recinto central do castro, agora pódense observar os restos da capela de San Roque. Distínguese a nave e a ábsida rectangular. Conserva un arco de triunfo de traza gótica, sustentado por dúas semicolumnas de fuste curto, con bases e capiteis de tradición románica. O interior estaba completamente decorado con pinturas datadas no século XVI.

Sobriño Cevallos, J. E Veiga Ferreira, X.M. recollen tradicións e crenzas que sobrevivían ata hai pouco tempo arredor deste lugar. Unha destas crenzas, de clara tradición pagá, consistía en dar unha volta arredor da capela cunha vaca atada, co fin de que esta quedase preñada. Ao finalizar metíase por debaixo da porta principal un patacón dicindo: "Que o San Roquiño nos axude".

Neste lugar celebrábase unha festa os días oito de cada mes, a Feira do Oito, aínda que pouco a pouco se foi perdendo e deixou de celebrarse nos anos corenta.

Ermida das Dores no Carballal-Aranga

Ermida de San Antonio da Reborica-Aranga

Información adicional