INICIO

O Concello de Aranga - Arquitectura civil

Casas Grandes

Casa das Vinculeiras (Lagoa-Feás)

Casa do Médico (Veiga-Aranga)

Casa Grande en Congostro (Aranga)

Casa Grande no Torreiro (Feás)

Casa Grande nos Paraños (Fervenzas)

Casa Grande en Vilela (Muniferral)

Casa Grande en Castelos (Muniferral)

Casa Grande na Figueira (Muniferral)

Casa Grande en Orosa (Vilarraso)

Rectorais

Casa Rectoral en Ponte-Aranga

Casa Rectoral en Ribadevila (Feás)

Casa Rectoral en Cambás

Castelo

Castelo de Bermanzón (San Paio de Aranga)

No ano 1944, D. José María Luengo efectuou unhas excavacións arqueolóxicas no que el identificou como o castelo de Aranga. Na publicación dos traballos de excavación dá conta dunha noticia que reflexa a existenza da citada fortaleza a finais do século X.

Trátase dunha escritura de restauración do mosteiro de Santa Eulalia de Curtis, que fora destruído polos normandos tal vez na súa última invasión (970 a 971). A escritura foi outorgada por San Pedro de Mezonzo no ano 995, e nesta menciónase a parroquia de "San Vicentio de Narmaia, quae justa Castellum de ARANGA".

A fortaleza ou CASTELLUM DE ARANGA localízase na confluencia de dous cursos fluviais: o rego de Cambás e o río Mandeo. Na actualidade, a penas son visibles algunhas das estruturas que conformaron o deseño desta fortaleza, situada, tal e como explica D. José María Luengo, nun niño de aguias.

Aínda hoxe existe un descoñecemento absoluto sobre os motivos da instalación desta fortaleza nun ámbito tan agreste. Diversos autores relaciónano coa presenza da Orde o Temple por estas terras. A situación desta fortaleza respondería a criterios defensivos, xa que está situado nun lugar estratéxico dende o que se ten un perfecto dominio do acceso ao val do Mandeo.

Sen lugar a dúbidas, existe unha estreita relación entre este castelo e o achado da Santa Cruz de Aranga. Os dous elementos pertencen a un mesmo momento histórico, que poderiamos situar dentro da etapa que os historiadores denominan Alta Idade Media, entre os séculos X e XI.

Tamén se podería interrelacionar a presenza desta fortaleza con referencias bibliográficas, que dan conta da existenza de antigos mosteiros como o do Carballal. Don Santiago Daviña Sainz recolle na súa espléndida obra de O municipio de Aranga e o Catastro do Marqués de Enseada a posible existenza desta fundación:

"En esta aldea y, posiblemente en el lugar que hoy ocupa la mencionada capilla, estuvo situado el antiquísimo monasterio de Aranga, que terminó sus días convertido en Priorato, desapareciendo como tal con la desamortización de Mendizábal"

O mesmo autor faise eco doutras referencias que aluden á presenza dun antigo mosteiro, no lugar da Maía (San Pedro de Cambás), do que se asegura que é máis antigo que o de Sobrado, e se sitúa nun lugar chamado O Adro de San Vizencio.

Na Crónica Xeral da Orde de San Benito, escrita por Frei Antonio de Yepes en 1601, cítase:

"... el monasterio de San Paio de Aranga, por la era de mil y doscientos y cincuenta y cuatro..."

Moi preto deste lugar documéntase un topónimo alusivo á existenza doutra fortaleza. Trátase do lugar que os veciños coñecen como O Castelo.

Sen poder confirmar a existenza destes lugares, parece claro que a presenza do castelo de Aranga ou o achado da Santa Cruz non responden unicamente a acontecementos illados, senón que máis ben parece que se trata dunha zona de extraordinaria relevancia na Idade Media.

A influencia do mosteiro de Sobrado sobre as parroquias de San Paio de Aranga e San Pedro de Cambás resulta esclarecedor, xa que a xurisdición sobre as parroquias anteditas podería responder a unha absorción ou concentración do poder ou do dominio que os antigos mosteiros tiñan sobre estas terras.

Logo do levantamento irmandiño, moitas fortalezas quedaron en ruínas. Pasado o levantamento, en moitos señoríos laicos, os señores obrigaron os seus vasalos a reconstruír as súas fortalezas. Pola contra, no caso dos señoríos eclesiásticos, estas reconstrucións non se levaron a cabo. É o caso da fortaleza de Aranga, que se atopaba baixo o dominio do mosteiro de Sobrado.

En 1523, levouse a cabo unha especie de xuízo cabo do arcebispo de Comspostela, Don Juan de Taberna. Este xuízo tiña por obxectivo comprobar o estado das fortalezas da mitra Compostela que foran derrocadas no levantamento irmandiño (Rodríguez González, A. 1984).

Neste preito atopamos dous testemuños que nos falan da fortaleza de Aranga. O primeiro é de Rui Méndez, veciño da cidade de Betanzos e que, aos seus 80 anos recorda.

"... que podrá aber çincoenta años poco más o menos que en la çiudad de Betanços se llbantó la gente común della en hermandad y después de llebantada todas las tierras alderrededor della se llebantaran e juntaran ansimismo en la dicha hermandad ... dize este dicho testigo oio decir por pública boz que se llebantara en todo el Reino de Galizia los pueblos e gente común del e que las dicha hermandades de la çiudad de Betanços y de las otras partes fueron a derrocar con mucha gente las fortalezas de Anbroa e Motrin que heran de Diego de Andrade ... e ansimismo oio decir que derrocaran la fortalza de Aranga que hera de los Vilarullo e ansimismo dize que oio decir que los de la dicha hermandad de dicho Reino de Galizia derrocaran otras muchas fortalezas de señores perlados de dicho Reino de Galizia ..."

Estes testemuños confirman, por un lado, que a fortaleza de Aranga foi derrocada nas revoltas irmandiñas. Por outro lado, sabemos que a devandita fortaleza non foi reconstruída ao acharse baixo o dominio do mosteiro de Sobrado.

Información adicional