TOPONIMIA.

Herdados a través dos séculos, moitos deles milenarios, algúns superviventes de desaparecidas linguas pouco coñecidas, outros, testemuñas das formas de vida do pasado, os topónimos son a concreción lingüística da vinculación histórica dun pobo a súa xeografía. Galicia conta cun rico patrimonio toponímico favorecido pola dispersión poboacional  e as características do medio físico.

  Os topónimos aluden ás diferentes unidades do relevo, á calidade dos solos, á presenza de determinados materiais, ás construcións antrópicas, á formas e manifestacións culturais dos antepasados, oficios, crenzas, lendas, feitos históricos e un largo etc. que forma parte do patrimonio inmaterial da nosa terra.

 A orixe do topónimo Aranga, deriva segundo tódolos estudios da forma preindoeuropea ‘ara-‘. Esta partícula define un relevo caracterizado por un val encaixado polo que discorre un curso fluvial. Sen dúbida se refire ó val que forma o río Mandeo ó seu paso pola parroquia de San Paio de Aranga. 

 Outros topónimos de similar raíz encontrámolos en diferentes lugares da península. Neste sentido parece haber unha clara similitude entre a forma Aranga e Arán. Este último asóciase fundamentalmente ca comarca ilerdense  do Vall d’Arán. Outro dos exemplos correspóndese con Aranguren, en referencia ó val situado na Comunidade Foral de Navarra. 

 O topónimo de Ponte Aranga, lugar no que se localiza a capitalidade municipal, componse de dous nominativos, que fan referencia ó emprazamento no que se sitúa a ponte que atravesa el Mandeo, dentro da zona que describe o topónimo Aranga. A construción da actual ponte data do século XVII, no lugar onde xa existía unha de orixe medieval ou incluso romana. 

  O nome de Cambás provén da raíz céltica ‘camb-‘ que significa ‘forma curva’. Un claro paralelismo atopámolo na vila de Cambados (Pontevedra) asentada nunha enseada da ría de Arousa.  No caso de Cambás esa forma curva á que alude o topónimo, encóntrase na topografía do pechado val no que se asenta a citada parroquia. No caso da localidade das Rías Baixas, esa forma curvada ou combada, identifícase ca baía na que se empraza. 

 O topónimo de Fervenzas alude ó rápido movemento da auga provocado polos saltos ou polas correntes, que simulan o efecto de ferver. Nesta parroquia situada no extremo suroeste do concello, localízase un dos lugares nos que a auga ten especial resonancia: o río Vexo e o fermoso val no que se enmarca. O topónimo fraga, responde ó bosque húmido que prolifera nos constrinxidos vales ás marxes dos cursos fluviais. 

Ó sur do termo municipal localízase a parroquia de Vilarraso, topónimo que reflicte a orografía da zona, cun núcleo de casas ou vila (do latín vilae), situada nun lugar chan ou raso. Topónimos de similares características son Vilarchán o Vilachán. 

  Un termo moi repetido nos nomes de lugar do concello é o que fai referencia á existencia do ferro (do termo latino ferrum), por exemplo,  Muniferral, parroquia situada no centro do termo municipal. O topónimo dalgúns lugares, responde non só á topografía do terreo, senón tamén a algunha característica que denota a abundancia ou presenza de algo salientable. Exemplos disto último atopámolo no topónimo da parroquia de San Cristovo de Muniferral, onde  se alude á existencia dun monte xunto á descrición da existencia de vetas de ferro. 

  Moi similar é o nome de Pena Ferreira, na parroquia de Cambás. Pena, alude a unha formación rochosa, que resalta na paisaxe, e que podemos considerar como un punto máis localizado, xa que se trata dunha unidade de relevo menos extensa, do que pode ser un monte. 

Na parroquia de Vilarraso, encontramos o lugar de Os Ferreiros. Deste nome enténdese a existencia de artesáns que traballaban o mineral de ferro. Este topónimo é común en lugares localizados nas marxes de importantes vías de comunicación, como e o caso, para repoñelas ferraduras dos cabalos e incluso algunhas partes dos carros, que se desprazaban polo camiño. Cerca deste lugar discorre o antigo camiño da Coruña a Lugo, e que na actualidade ocupa la estrada N-VI. Outra importante vía de comunicación que atravesa o lugar dos Ferreiros, é o antigo camiño que dende A Castellana, se dirixía a Sobrado dos Monxes. 

O topónimo  de A Castellana, ten a súa orixe precisamente nesta vía de comunicación que historicamente comunicaba a parte norte de Galicia ca meseta. Este eixe de comunicación ten a súa orixe séculos antes da chegada dos romanos a Galicia. Posteriormente, ca chegada do Imperio, é probable que formase parte da rede de vías romanas e ramais que comunicaban Brigantium, con Lucus Augusti. 

Podedes atopar maís información de Aranga na seguinte bibliografía:

CAAMAÑO SUÁREZ, M. As Construccións da Arquitectura Popular. COAAT. A Coruña. 2003

CARRÉ ALDAO, E. Geografía del Reino de Galicia. 1936.

CARRERAS CANDI, E. Geografía General del Reino de Galicia. Alberto Martín. Barcelona. 1926. 

CASTELAO, A.R.. As cruces de pedra en Galicia. Ed. Akal. Madrid. 1.977

FARIÑA JAMARDO, J. Os Concellos Galegos. Fundación Barrié de la Maza. A Coruña.1993.

LAREDO VERDEJO; X.L. (1.981) A Coruña e As Mariñas; colección Galicia Enteira. Ed. Xerais. Vigo.

LICENCIADO MOLINA. Descripción del Reino de Galicia. Ed. Supervisión e control. 1998.

MADOZ, P. Diccionario Geográfico-Estadístico-Histórico de España y sus posesiónes de Ultramar. 

PÉREZ ALBERTI, A. A Xeografía. Galaxia. Vigo. 1995.

PRECEDO LEDO, A. O mapa comarcal de Galicia. Xunta de Galicia. 

RISCO, V. Historia de Galicia. Galaxia. Vigo. 1978.

SORALUCE BLOND, J.R., FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ, X. Arquitecturas da Provincia. Vol. XVI. Deputación Provincial da Coruña. 1998.

VÁZQUEZ VARELA, J.M. et alter. La Cultura Megalítica de la provincia de La Coruña. Deputación da Coruña. 1987

VILLARES, R. Historia de Galicia. Alianza. Madrid. 1997.

VV.AA. Anuario de Estatística Agraria. Xunta de Galicia. Santiago. 2002.

VV.AA. Atlas de Galicia. Medio Natural I. Xunta de Galicia, Santiago.

VV.AA. Dicionario de Xeografía. Anaya.  Madrid. 1986.

VV.AA. Dicionario Galego Universal. Tomo 45. Ir Indo Ed. La Voz de Galicia. A Coruña. 2003.

VV.AA. Galicia 2002. Ed. Compostela. Santiago. 2002.

VV.AA. Galicia pueblo a pueblo. La Voz de Galicia. A Coruña. 1993.

VV.AA. Galicia, Xeografía. Ed. Hércules. A Coruña 1996.

VV.AA. Gran Enciclopedia Gallega. Santiago de Compostela. 1.984. 

VV.AA. Informe demográfico de Galicia. Fundación Caixa Galicia. Santiago. 1999.

VV.AA. Nova Historia de Galicia. Ed. Tambre. A Coruña. 1996

Máis información tamén, nos enlaces:

  • http:// www.comarcasdegalicia.com

  • http:// www.ine.es

  • http:// www.xunta.es/auto/ige/

  • http://www.dicoruna.es/municipios/Aranga/otras/index.htm