📌A PROPOSTA DE HOXE: ACHEGAMENTO HISTÓRICO E PATRIMONIO CULTURAL 

✅Reseña histórica.

Os  restos arqueolóxicos máis antigos encontrados ata a data, industrias líticas  do Hachelense, indícannos que a ocupación  do territorio galego  tivo lugar nalgún momento anterior ó Paleolítico, a intensa ocupación Neolítica do territorio que hoxe coñecemos como Aranga, fainos pensar na posibilidade da presenza do home paleolítico nese primixenio territorio Arangués. 

 

A forma de vida destes antigos poboadores corresponderíase cunha densidade de poboación reducida, que de forma itinerante e estacional aproveitarían os recursos animais, vexetais e minerais dun territorio. Estas sociedades de cazadores-recolledores estarían compostas por varias familias distribuídas en bandas de non máis de 50 individuos, cunha marcada diferenciación do traballo por sexos e constancia de ritos e actividades sociais.

 

O fin das glaciacións trae consigo a aparición dunha nova forma de vida na que as sociedades comezan a exercer un certo control sobre o  medio natural. O  proceso de Neolitización, consistente no paso dunha economía depredadora e recolledora a unha economía produtora, é un fenómeno histórico que en Galicia identificase co  Megalitismo. A Cultura Megalítica  está definida dende o  punto de vista arqueolóxico, pola existencia de varios miles de  túmulos megalíticos ou mámoas diseminadas por toda a nosa xeografía, unha arquitectura funeraria para a  inhumación colectiva sita  cronoloxicamente entre o  3.500. e o  1.500 a.C. Estes serían os primeiros poboadores dos que temos constancia no territorio de Aranga, como testemuñan os numerosos restos, un centenar de mámoas entre as que destacan as Mámoas de San Paio, Mámoas de San Vitorio, Mámoa de Fraga do Vello, Mámoas das Carreiras, Braña de Pena Moura e Pena Ferreira, etc.

 

Os espolios, as tarefas do agro, a explotación forestal son a causa de que non queden moitos restos visibles destes enterramentos prehistóricos, que na súa orixe tiñan forma aproximada de casquete esférico cunha planta circular ou elíptica. Están compostas por unha estrutura circular que pode ser só de terra, pedras ou pedras e terra; en ocasións ten a base delimitada por un anel peristáltico. Con frecuencia  o  sedimento  do túmulo está cuberto por unha coiraza de pedras encaixadas entre si. Algunhas mámoas albergan no seu interior estruturas megalíticas, cámaras de grandes pedras de forma poligonal, que ocasionalmente dispoñen dun corredor de acceso, concepto de monumentalidade e enterramento colectivo.

 

Outras en cambio, de pequenas dimensións non acollen ningún tipo de estrutura interior, o que parece indica-la perda da monumentalidade e do enterramento colectivo. Estas últimas serían tumbas individuais dunha cronoloxía máis avanzada que as anteriores. As dimensións van dende os escasos  metros de diámetro por un de alto, ata case corenta por dous de altura.

 

O esforzo social e o  despregamento artístico desenvolvido nas tumbas e a deposición de obxectos valiosos no interior indícannos a existencia dunha sociedade organizada, con persoal especializado na construción con megálitos. A importancia concedida ós ritos funerarios ten un valor simbólico, posiblemente relixioso.

Estas comunidades megalíticas son as responsables da primeira arquitectura monumental  do territorio setentrional e da expansión da agricultura e gandería, iniciada probablemente no Mesolítico. Establecen un certo tipo de asentamento e modifican de modo importante e permanente a paisaxe, humanízana  con tumbas ben visibles, canteiras, zonas deforestadas e redes de camiños vinculadas cos intercambios entre as distintas comunidades. Deixan en definitiva a pegada específica do humano, da cultura fronte a unha natureza que a partir de agora será sometida a pasos axigantados.

No aspecto social percíbese unha maior xerarquización e unha maior tensión bélica entre os grupos. Os tradicionais enterramentos colectivos son substituídos por enterramentos en cistas individuais de pequenas dimensións sen túmulo, nas que era frecuente depositar xoias e armas que nos indican a importancia e desenvolvemento  do prestixio social e  do contexto guerreiro.

O fin do megalitismo mestúrase co inicio do descubrimento dos metais, na Idade do Bronce a procura de metais propicia as actividades mercantís entre diversos puntos da península. Os petróglifos son a manifestación artística máis característica desta época, en San Pedro de Feás consérvanse varios exemplos. 

 

✅CULTURA CASTREXA:

Durante a Idade  do Ferro desenvolveuse en Galicia a Cultura Castrexa (finais  do Bronce s. VII a. C), esta supón a aparición dun tipo específico de asentamento: o castro e por ende, os primeiros asentamentos verdadeiramente estables. Entre os asentamentos castrexos do municipio destaca o chamado  Castro de Imanzor, no lugar de Cambás.

 

¿Qué factores inducen ás poboacións  do noroeste peninsular ó asentamento en recintos castrexos? Tradicionalmente faise responsable deste novo panorama cultural ó influxo de poboacións indoeuropeas que a comezos  do século IX a. C. fan a súa aparición na Península e que se identifican co mundo dos celtas. Estes grupos foráneos e minoritarios, faríanse co poder e fusionaríanse coa poboación autóctona. Ata a data, o  rexistro arqueolóxico non revela ningunha pegada da invasión celta.

Fronte á teoría invasionista, outros autores cren que a propia evolución das sociedades  do Bronce Final (agricultura estable máis desenvolvida, aparición dun novo instrumental de ferro que obriga a un modo de traballo máis especializado e estable, influencias fenicias que establecen lazos comerciais, ambiente social xerarquizado e belixerante que necesita recintos fortificados...) o que desencadearía o  xurdimento  do mundo castrexo.

A cultura castrexa caracterízase dende o  punto de vista arquitectónico por un tipo peculiar de asentamento: o castro. Situados habitualmente na zona limítrofe entre os terreos aptos para a labranza e o  monte. O seu tamaño é moi variable, con planta circular e un perímetro defendido por murallas e valado, fosos, terrapléns... Ata a romanización, non existe planificación urbanística e no interior acumúlanse casas de planta redonda e elíptica. Os numerosos restos arqueolóxicos de vivendas castrexas contrasta cun rexistro case inexistente das súas necrópoles, formadas por urnas nas que se depositaban as cinzas dos defuntos.

A cerámica e a metalurxia son de tipoloxía variada, e entre os metais preciosos, o  ouro  foi utilizado con notable abundancia. 

A economía castrexa descansa sobre unha base fundamentalmente agrícola de tipo cerealeiro e gandeiro (porcino, bovino, caprino...) cunha forma de produción familiar.  A recolección estacional  de froitos  xunto á pesca e o  marisqueo completan a dieta. Hai que destaca-lo  predominio  de carballeiras fortemente humanizadas,  das que se obtería madeira e un importante aporte nutricional, as “landras”.

A minería é outro piar da súa economía, e dela derívase unha notable actividade comercial entre os distintos poboados, e tamén a larga distancia, principalmente co sur da península. Utilízase a chamada “Vía da Prata” que unía Tartesos co  Duero e dende aquí a través  do Bierzo e o  Val  do Sil ou retomando a ruta costeira, arribar a Galicia.

A sociedade castrexa caracterízase pola ausencia de estado, a cohesión social lógrase a través da coalición ou o  enfrontamento entre poboados. Os galaicos son un pobo moi involucrado na actividade bélica e isto implica unha sociedade xerarquizada, baseada probablemente no arroxo e valor persoal, “ethos” guerreiro. Os seus asentamentos fortificados ademais de apoiar esta idea teñen un significado de prestixio e poder intercastral. 

En canto á relixión, Estrabón  relátanos que os galaicos realizaban sacrificios de animais e incluso prisioneiros, estes actos de culto relacionados con “Ares” e a existencia dos “Lares Viales”, coñecidos a través de fontes romanas, indícannos un tipo de relixión politeísta cunha certa correspondencia con outros panteóns  do mundo indoeuropeo. 

BIBLIOGRAFÍA.

    • CAAMAÑO SUÁREZ, M. As Construccións da Arquitectura Popular. COAAT. A Coruña. 2003

    • CARRÉ ALDAO, E. Geografía del Reino de Galicia. 1936.

    • CARRERAS CANDI, E. Geografía General del Reino de Galicia. Alberto Martín. Barcelona. 1926. 

    • CASTELAO, A.R.. As cruces de pedra en Galicia. Ed. Akal. Madrid. 1.977

    • FARIÑA JAMARDO, J. Os Concellos Galegos. Fundación Barrié de la Maza. A Coruña.1993.

    • LAREDO VERDEJO; X.L. (1.981) A Coruña e As Mariñas; colección Galicia Enteira. Ed. Xerais. Vigo.

    • LICENCIADO MOLINA. Descripción del Reino de Galicia. Ed. Supervisión e control. 1998.

    • MADOZ, P. Diccionario Geográfico-Estadístico-Histórico de España y sus posesiónes de Ultramar. 

    • PÉREZ ALBERTI, A. A Xeografía. Galaxia. Vigo. 1995.

    • PRECEDO LEDO, A. O mapa comarcal de Galicia. Xunta de Galicia. 

    • RISCO, V. Historia de Galicia. Galaxia. Vigo. 1978.

    • SORALUCE BLOND, J.R., FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ, X. Arquitecturas da Provincia. Vol. XVI. Deputación Provincial da Coruña. 1998.

    • VÁZQUEZ VARELA, J.M. et alter. La Cultura Megalítica de la provincia de La Coruña. Deputación da Coruña. 1987

    • VILLARES, R. Historia de Galicia. Alianza. Madrid. 1997.

    • VV.AA. Anuario de Estatística Agraria. Xunta de Galicia. Santiago. 2002.

    • VV.AA. Atlas de Galicia. Medio Natural I. Xunta de Galicia, Santiago.

    • VV.AA. Dicionario de Xeografía. Anaya.  Madrid. 1986.

    • VV.AA. Dicionario Galego Universal. Tomo 45. Ir Indo Ed. La Voz de Galicia. A Coruña. 2003.

    • VV.AA. Galicia 2002. Ed. Compostela. Santiago. 2002.

    • VV.AA. Galicia pueblo a pueblo. La Voz de Galicia. A Coruña. 1993.

    • VV.AA. Galicia, Xeografía. Ed. Hércules. A Coruña 1996.

    • VV.AA. Gran Enciclopedia Gallega. Santiago de Compostela. 1.984. 

    • VV.AA. Informe demográfico de Galicia. Fundación Caixa Galicia. Santiago. 1999.

    • VV.AA. Nova Historia de Galicia. Ed. Tambre. A Coruña. 1996

    • http:// www.comarcasdegalicia.com

    • http:// www.ine.es

    • http:// www.xunta.es/auto/ige/

    • http://www.dicoruna.es/municipios/Aranga/otras/index.htm

✅Castros e Petroglifos en Aranga

http://www.riomandeo.com/index.php?nivel=4&idnivel=999&s=24&su=31&cat=su

✅Dolméns en Galicia:

https://www.turismo.gal/que-visitar/destacados/petroglifos-dolmens-e-castros/dolmens?langId=es_ES

✅O megalitismo en Galicia, "La aventura del saber"

https://www.youtube.com/watch?v=IY1CIlVtQQg

✅Castro de Viladonga, Castro de Rei (Lugo)

https://viladonga.xunta.gal/es/multimedia/audiovisuais/presentacion-e-historia-del-castro-de-viladonga