REDE DE SENDEIROS
Actualmente a rede de sendeiros está incluído no Proxecto Mandeo enlaces:
SM.03 - Ruta BBT Serra da Loba
Dificultade baixa, circular e pensada para facer en bicicleta. Duración aproximada de 2 horas e lonxitude de 20,7 Km.http://www.riomandeo.com/index.php?nivel=4&idnivel=1251&s=24&su=33&cat=su
SM.04 - Ruta Val de Cambás
Dificultade alta. Duración aproximada de 2 horas e lonxitude de 6,4 Km.http://www.riomandeo.com/index.php?nivel=4&idnivel=1252&s=24&su=33&cat=su
SM.05 - Ruta Veiga do Mandeo
Dificultade media. Duración aproximada de 3 horas e lonxitude de 9,0 Km.http://www.riomandeo.com/index.php?nivel=4&idnivel=1253&s=24&su=33&cat=su
Aranga conta cunha Rede composta por 3 rutas de sendeirismo coa que pretende que o visitante goce e coñeza a riqueza natural, paisaxística e cultural que se encerra nos seus montes e fragas.
A rede de sendeiros articúlase en torno a tres unidades paisaxísticas: O Val do Mandeo, os regos e fragas que conforman a súa cabeceira e o Cordal de Montouto e a Serra da Loba, estribacións setentrionais da liña montañosa coñecida como a Dorsal Meridiana Galega.
As tres rutas que constitúen esta rede de sendeiros acondicionáronse e sinalizáronse convenientemente, incluíndo a instalación de diferentes puntos de interpretación nos que se aproxima ao sendeirista o coñecemento do patrimonio natural e cultural do concello.
VEIGA DO MANDEO
Trátase dunha ruta circular de 9 quilómetros e de dificultade media; discorre no seu primeiro tramo, duns 4 quilómetros, por un camiño empregado tradicionalmente polos pescadores. Presenta unha topografía sen desniveis e a única dificultade estriba en evitar as raíces das árbores que conforman o fermoso bosque de ribeira.
Xa no lugar de Veiga, a presa no río ofrécenos unha imaxe espectacular xunto cunha ponte en ruínas e, moi preto un muíño. É ao pasar a aldea cando a ruta ascende por unha corredoira monte arriba pasando polo "Caserío do Outeiro", fermosa aldea abandonada formada por un grupo de casas e unha escola.
Ao longo deste tramo ata cegar ao lugar de Pereira, o desnivel nalgúns puntos esixe unha certa preparación física. Dende Pereira descéndese por camiños tradicionais ata alcanzar o punto de inicio en Ponte Aranga.
VAL DE CAMBÁS
Esta ruta parte de Aranga río arriba ata chegar ao Couce, do que dista case 6 quilómetros.
O sendeiro remonta no seu primeiro tramo o curso de Mandeo. Ao chegar ao rego de Cambás, a ruta desvíase á esquerda. A riqueza natural e paisaxística da fraga das Barbudas constitúe un dos atractivos do camiño. Algúns puntos presentan certa dificultade polo angosto e encaixado do terreo, circunstancia que obriga a extremar as precaucións.
A ruta abandona o rego de Cambás (aínda que se ofrece a posibilidade de continuar o curso do regato ata chegar ao Pozo de Castro Rodicio, onde se pode contemplar unha fervenza de grande atractivo), para seguir por outra das correntes que conforman a cabeceira do Mandeo: o rego da Palanca. Neste tramo a auga salva importantes desniveis formando espectaculares fervenzas.
Unha vez no lugar do Couce, existe a posibilidade de enlazar coa Ruta 3, ou ben desandar o camiño, para regresar ao punto de partida.
SERRA DA LOBA
Trátase dunha ruta circular de 21 quilómetros doada de transitar, tendo o seu punto de inicio e de final no lugar do Couce.
A primeira parte do trazado desta ruta discorre pola zona de cumios que conforman O Cordal de Montouto e a Serra da Loba. Estes montes marcan o linde entre as provincias da Coruña e Lugo.
Ao abandonar a zona alta, o sendeiro atravesa camiños tradicionais á sombra das carballeiras do Val de Cambás. Durante o percorrido atoparémonos o conxunto arquitectónico de Portomazás (constituído por unha palleira e unha casa de sobrado; tamén pasaremos ao carón do Cruceiro da Loba, que limita as provincias da Coruña e Lugo e os concellos de Aranga, Monfero e Guitiriz, e tamén por San Vitorio (ver apartado de arquitectura relixiosa).