ORDENANZA MUNICIPAL REGULADORA DAS ACTIVIDADES DE CORTA FORESTAL, DEPÓSITO, CARGA E TRANSPORTE DE MADEIRA

O pleno municipal, na sesión que realizou o día 15 de febreiro de 2012, adoptou o acordo de aprobar definitivamente a Ordenanza Municipal reguladora das actividades de corta forestal, depósito, cargo e transporte de madeira no concello de Aranga.

 

O que se fai público para xeral coñecemento, advertindo que contra este acordo, que pon fín a fía administrativa, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o mesmo órgano que adoptou o acordo, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte á publicación deste anuncio, ou directamente recurso contencioso- administrativo , no prazo de dous meses, en concordancia co disposto na Lei da Xurisdicción contencioso- administrativa, ante a sala do contencioso- administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

ORDENANZA MUNICIPAL REGULADORA DAS ACTIVIDADES DE CORTA FORESTAL, DEPÓSITO, CARGA E TRANSPORTE DE MADEIRA NO CONCELLO DE ARANGA.-

A presente ordenanza ten por finalidade garantir a preservación do medio ambiente e a conservación dos camiños e pistas municipais que poden ser obxecto de desperfectos por causa das operacións de corta de madeira, evitando a súa destrución e o depósito de residuos procedentes da corta, dentro do dominio público.

Preténdese igualmente garantir a seguridade e a ordenación do tráfico, evitando a ocupación de vías municipais polas operacións de carga da madeira, obstaculizando e incluso impedindo o tránsito rodado.

Artigo 1.-Obxecto e ámbito.

De conformidade co establecido no artigo 591 do Código Civil e no Decreto 2661/1967, do 19 de outubro, e a teor do establecido nos artigos 4.1.a) , 25.2.a), b) e h) da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, este concello de Aranga adopta unha Ordenanza xeral, sen carácter fiscal, reguladora de diversos aspectos da xestión forestal que afectan ás actividades extractivas de madeira, dada a súa vinculación ao medio ambiente, bens municipais e á convivencia veciñal en xeral.

O ámbito territorial de aplicación da presente ordenanza cínguese ao termo municipal de Aranga, sen prexuízo das disposicións especiais que poidan rexer nas zonas especialmente protexidas ou espacios naturais.

Artigo 2.- Corta das árbores.

Non se poderá realizar, dentro do termo municipal de Aranga, ningunha corta forestal sen obter previamente a correspondente autorización do concello, que será solicitada nas oficinas municipais.

As vías públicas non poderán usarse para almacén de madeira, aínda que se autoricen as operacións imprescindibles para a súa carga.

Artigo 3.- Procedemento de concesión de autorizacións.

Para garantir a preservación do medio ambiente e a conservación de camiños e pistas municipais, e sen prexuízo da necesaria obtención doutros permisos ou autorizacións establecidos, para poder realizar a corta das árbores deberá solicitar unha autorización municipal cunha antelación mínima de quince días.

Na solicitude, que será efectuada polo madeireiro responsable da corta, deberá facerse constar:

a. Identificación do propietario da madeira e do madeireiro: NIF, nome, enderezo.

b. Identificación da parcela ou parcelas afectadas, indicando a referencia catastral.

c. Lugar de depósito e vías públicas a utilizar para o transporte da madeira.

d. Especie de madeira obxecto da corta e Tm. a extraer.

e. Vehículos adscritos á actividade, indicando marca, modelo, matrícula e PMA.

Á vista da dita solicitude os servizos técnicos municipais fixarán o importe da fianza que deberá ser depositada polo madeireiro, que será calculada segundo as categorías dos vehículos a empregar (segundo o PMA sexa inferior ou superior a 16 TM), parcelas e vías afectadas e a tonelaxe a extraer.

O madeireiro depositará a fianza a favor do concello de Aranga, con carácter previo á entrega da autorización, ao obxecto de responder dos posibles danos que non se reparen voluntariamente.

A falta de resolución expresa por parte do concello suporá que se entenda denegada a autorización municipal.

Unha vez finalizada a corta a fianza será reintegrada ou cancelada, logo do informe favorable dos servizos técnicos municipais.

No caso de non obter informe favorable, procederase á súa incautación e á aplicación do réxime sancionador e demais consecuencias legais que sexan esixibles.

Artigo 4. Responsables.

O madeireiro encargado da corta será o responsable directo dos danos ocasionados nas vías públicas municipais como consecuencia das operacións de corta, depósito e transporte da madeira, quedando obrigado á reparación das vías, limpeza e retirada de residuos.

Os donos das parcelas sobre as que se realizen as labores (considérandose donos os que figuren como tales nos rexistros fiscais do concello) deberanlle esixir ao madeireiro a autorización municipal antes da facer efectiva a venda, porque no caso de non facelo serán considerados responsables solidarios.

Artigo 5. Obrigas dos responsables.

Establécense as segintes obrigas:

- O responsable da corta responderá dos danos ocasionados nas vías públicas como consecuencia do depósito e transporte da madeira, quedando obrigado á súa reparación no prazo de 48 horas dende a corta.

- Prohíbese realizar tarefas de almacenamento sobre as vías municipais.

- Prohíbese o verquido de residuos procedentes da corta.O responsable da corta terá a obriga de limpar e retirar os refugallos producidos nas operacións realizadas, quedando as vías e as súas cunetas limpas e en bon estado de utilización, no prazo de 48 horas dende a corta da madeira.

- Os viais situados nas zonas de extracción serán debidamente sinalizados segundo a lexislación vixente, para os efectos de previrlles aos usuarios da realización das actividades e dos riscos derivados das mesmas.

- Logo de que transcorran sete días dende a corta, o concello poderá realizar, con cargo á fianza, as operacións de reparación ou limpeza, sen prexuízo das sancións que procedan e das accións oportunas para resarcir os custos das reparacións que non fosen totalmente cubertos pola fianza.

Artigo 6. Infraccións e sancións.

Con carácter xeral, son infraccións leves calquera incumprimento das obrigas formais o de contido da presente ordenanza.

Serán consideradas graves as infraccións cando se cometan dúas infraccións leves no prazo dun ano.

As infraccións da presente ordenanza serán sancionadas do seguinte xeito:

- Pola omisión da solicitude de corta: 300,00 €

- Pola omisión do deber de constitución da fianza: 1.000,00 €

- Por almacenamento de madeira nas pistas : 500,00 €

- Por falta de limpeza das pistas ou cunetas: 500,00 €

Esas sancións duplicaranse no seu importe no caso de constituír infraccións graves.

O exercicio da potestade sancionadora prevista nesta ordenanza requirirá a incoación e a instrución do correspondente expediente administrativo de conformidade coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común e o Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, que aprobou o regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora. Logo de que se resolva o expediente requirirase ao responsable para que se axuste á normativa, outorgándolle o prazo dun mes, transcorrido o cal, sen lle dar cumprimento ao requirimento, procederase á execución subsidiaria, cargándolle os seus custos á persoa responsable.

DISPOSICIÓN FINAL.

A presente ordenanza entrará en vigor unha vez publicado o seu texto íntegro e transcorra o prazo previsto no artigo 65.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local e permanecerá en vigor ata a súa modificación ou derogación expresa.

Aranga, 15 de decembro de 2011

O alcalde:

Información adicional