COMUNIDADE INTERMUNICIPAL LAMBRE-MANDEO DE SEVIZOS PÚBLICOS CONSORCIADOS

lambre-mandeo 4

Os alcaldes de Aranga, Monfero, Vilarmaior e Irixoa asinaron esta mañá xunto co presidente da Deputación da Coruña, o documento marco polo que se formaliza a creación da Comunidade Intermunicipal Lambre-Mandeo de Servizos Públicos Consorciados.

Segundo explicou Diego Calvo, deste xeito materialízase a terceira destas comunidades que tutela a Deputación, despois da de Xallas-Barcala e Costa Bergantiñá, pensadas para conseguir unha maior colaboración entre os concellos para prestar servizos públicos municipais de maior calidade aos veciños.

“Estamos con catro concellos que, xa na práctica, traballaban xuntos en diversas cuestións, xa que comparten maquinaria, están a punto de rematar un obradoiro de emprego conxunto, e están a facer as cuestións para un taller de xardinería”, apuntou Calvo, que tamén salientou que esta nova forma de aliarse “camiña xunto cos tempos porque non terá ningún custo para ningún concello e non supón a creación de ningunha estrutura adicional”.

Pola súa banda, o alcalde de Vilarmaior falou de “puro sentido común” coa posta en marcha desta unión, xa que “estamos a facer cousas en conxunto co único obxectivo de aforrar custes”.

Todos os rexedores coincidiron en salientar que a sociedade demanda das administracións unha maior eficacia na xestión, polo que, segundo explicaron, “a nós tócanos agudizar o enxeño para procurar fórmulas que nos permitan compartir servizos”.

O presidente da Deputación agradeceu aos catro alcaldes a súa vontade de colaboración e “a visión de futuro que demostran asinando este acordo”, xa que “nos tempos actuais, é necesario intensificar os esforzos das administracións para adaptarse ao novo escenario económico e social”.

Apuntou, ademais, que “a baixada dos ingresos derivados da redución da actividade económica, as esixencias do servizo da débeda pública e a demanda de servizos públicos de calidade preséntanos ante escenarios descoñecidos e, por iso, máis que nunca, desde as administracións públicas debe facerse un esforzo cara a eficiencia, a calidade e a sostebilidade dos servizos públicos”.

Finalmente, o presidente amosou o seu desexo de que sexan máis os concellos da provincia da Coruña que fagan movementos no camiño da colaboración.

A primeira colaboración

A comunidade formada polos concellos de Aranga, Monfero, Vilarmaior e Irixoa suma preto de 7.500 habitantes e, segundo explicaron esta mañá, a primeira mostra da súa colaboración despois da sinatura do acordo será a posta en marcha dun campamento de verán, a finais do mes de xullo, para os rapaces dos catro municipios. A actividade terá lugar en Ambroa (Irixoa).

Información adicional