PEL-PEMES, Plan de Emprego Local convocado pola Deputación da Coruña

peldeputacion2

Información de interese para as empresas:

A Deputación da Coruña vén de publicar a convocatoria das axudas para a creación ou ampliación do cadro de persoal de Pemes e micropemes en calquera das modalidades xurídicas existentes, con domicilio fiscal en concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes.

Estas axúdas enmárcanse na Liña 3 PEL- PEMES do Plan de Emprego Local, e con elas a a entidade provincial quere apoiar ao tecido empresarial da provincia, contribuir á inserción laboral das persoas desempregadas e favorecer o emprego estable e de calidade

A finalidade da subvención consiste en apoiar ás empresas para a creación ou ampliación do seu cadro de persoal, mediante a contratación laboral de persoas en situación de desemprego.

Cada empresa solicitante poderá contratar como máximo a unha persoa traballadora por un período mínimo de doce meses, non sendo admisible máis dunha solicitude por empresa.

A axuda cubre o 75% dos custos salariais totais da persoa traballadora incluídas as cotas á Seguridade Social, non sendo subvencionables outros conceptos derivados da contratación.

A axuda é compatible con calquera outra axuda pública para os mesmos conceptos, non podendo en ningún caso a suma das axudas públicas recibidas para a mesma finalidade, ser superior ao custe do persoal subvencionado.

As persoas a contratar deberán cumprir unha serie de requisitos, como son, estar empadroadas en calquera dos municipios da provincia da Coruña, estar en situación de desemprego no momento da contratación e inscrita como demandante de emprego no servizo público de emprego correspondente, non ter mantido unha relación laboral coa empresa beneficiaria da subvención dentro dos tres meses anteriores á data de contratación obxecto de solicitude da subvención, non ter relación de parentesco coa persoa empregadora e non ostentar cargos de dirección ou ser membros dos órganos de administración das entidades beneficiarias.

Entre os criterios que se terán en conta para a concesión das axudas , están entre outros, a duración da contratación, o perfil profesional da persoa a contratar, o número de persoas traballadoras na empresa, a ubicación da empresa ou os medios polos que se realiza a selección do persoal a contratar.

As bases da subvención poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia (BOP nº 10 de 16 de xaneiro de 2017) premendo na seguinte ligazón:

http://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2017/01/16/2017_0000000230.pdf

O prazo de presentación de solicitudes para concorrer ás axudas remata o 3 de marzo de 2017.

http://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2017/01/26/2017_0000000483.pdf

As solicitudes presentaranse de xeito telemático, a través da páxina web da Deputación da Coruña, www.dacoruna.gal

Información adicional